“Sexo oral e cancro”. Esta combinación de palabras é máis utilizada
polos galegos que por outros cidadáns do Estado español para procurar en
Google información sobre o cancro de orofarinxe (garganta), enfermidade que, segundo a comunidade científica, seguirá aumentando a súa incidencia nas próximas décadas.
Galicia é, precisamente, a autonomía onde máis houbo e creceron as
buscas de información en Internet sobre este tipo de cancro na última
década, segundo un novo estudo.
Os autores do traballo observaron “un aumento das procuras desta
patoloxía e termos relacionados de maneira xeral en todo o territorio
[español]”, pero “de maneira particular en Galicia, dándose un aumento do 250 % na procura para a combinación dos termos «sexo oral e cancro»”, destacan.
Ante o avance desta enfermidade, os investigadores quixeron coñecer o
interese da poboación por esta doenza, observando tendencias de procuras
mediante a análise do uso de Google como fonte de información
relacionada co cancro de orofarinxe en España, e relacionadas coas novas
publicadas en medios de comunicación.
Así, recurriron a Google Trends, ferramenta que proporciona tendencias
de buscas mundiais e por áreas xeográficas para diferentes palabras
clave. Os investigadores decidiron explorar as procuras para os termos “cancro de garganta”, “VPH” (Virus do Papiloma Humano), “cancro de larinxe”, “cancro de amígdalas” e “cancro oral”, desde xaneiro do 2009 ata xullo de 2019.
Nos rexistros de Google atoparon que o termo máis buscado foi “VPH”,
seguido de “cancro de garganta”, “cancro oral”, “cancro de larinxe” e
“cancro de amígdalas”. E observaron un incremento na preocupación ou
interese dos cidadáns, cun aumento nas buscas do termo “VPH” a un ritmo medio anual do 6,1 %.
Tamén descubriron que o maior número de procuras se realizou no norte de España, sendo a consulta máis repetida “sexo oral e cancro”. Galicia é a autonomía que ocupa o primeiro posto nesas buscas.
Para o termo máis coñecido, “cancro de garganta”, as cinco autonomías
con maior volume de procuras foron, por esta orde, Galicia, Asturias,
Euskadi, Murcia e Castela-A A Mancha. “Este predominio do norte de España no volume de procuras realizadas repítese coa maioría dos termos estudados”, salientan os autores do estudo.
En conxunto, as procuras sobre “cancro de garganta” tiveron unha evolución crecente, cunha variación porcentual anual do 3,9 %.
Con todo, o seu maior incremento produciuse entre 2009 e xuño de 2013,
cando o número de procuras deste termo aumentou significativamente, até
un 11,4 %.
Para o resto de termos, e malia atopar un pico illado nas buscas de
“cancro oral”, a tendencia no volume de procuras foi estable no tempo.
Ademais, atopouse unha correlación moderada entre a tendencia de buscas
de “cancro de garganta” e de “VPH”, mais non atoparon ningunha relación
recíproca entre o resto de termos.
A INFLUENCIA DOS MEDIOS
Ao identificar os momentos con maiores picos de procuras sobre o cancro
de garganta, atoparon unha correlación entre a aparición de novas nos
medios de comunicación e o aumento no volume de procuras dos termos
relacionados con esta enfermidade.
Os autores identificaron o maior pico no número de procuras en xuño de
2013, cando se dispararon as buscas para os termos “VPH”, “cancro de
garganta” e “cancro oral” simultaneamente. Este aumento, din, “debeuse
ás novas sobre a relación entre o virus do papiloma humano e o cancro de
garganta, e ás especulacións sobre a etioloxía da enfermidade dun actor estadounidense de renome”. Refírense a Michael Douglas, quen en 2013 afirmou que practicar sexo oral lle provocou cancro de garganta.
E foron os galegos os que máis procuras fixeron sobre a relación entre o sexo oral e o cancro:
“Analizando os resultados deste pico por comunidades de España,
obsérvase un aumento das procuras desta patoloxía e termos relacionados
de maneira xeral en todo o territorio e na zona noroeste (Galicia) de
maneira particular, ocorrendo un aumento do 250 % na procura para a
combinación de termos «sexo oral e cancro»”, detallan os investigadores.
O segundo maior pico de buscas produciuse entre maio e xullo de 2014,
relacionadas co “cancro de garganta” e “cancro de larinxe”. “Este pico,
novamente, é o reflexo das novas sobre un relevante político español con
esta enfermidade”. Neste caso, refírense ao anuncio que fixo daquela sobre a súa doenza Adolfo Suárez Illana, fillo do finado primeiro presidente do Goberno español trala ditadura franquista, Adolfo Suárez.
O terceiro pico máis importante rexistrouse en febreiro de 2011, cun
aumento das procuras sobre “cancro oral”, “cancro de garganta” e “VPH”.
“Este pico coincide coa nova publicada en xornais estatais que informaba
que «o sexo oral é o primeiro factor de risco para o cancro de garganta»”.
“Calquera noticia, nova intervención ou etioloxía [causas da
enfermidade] relacionada co cancro de orofarinxe pode manifestarse nun
aumento das condutas de procura de información sobre o «cancro de
garganta» en Google”, explican os investigadores, que subliñan a
utilidade de identificar e comprender como, por que e cando os cidadáns
buscan información sobre esta enfermidade, xa que “comprender o
comportamento de procura de información sanitaria é fundamental para
controlar e planificar a calidade do coñecemento proporcionado polas
organizacións sanitarias, os grupos de apoio e os profesionais
sanitarios sobre os cancros de cabeza e pescozo”, argúen.
Os autores do traballo salientan tamén a utilidade de Google Trends
como ferramenta para “comprender a terminoloxía utilizada polos
pacientes en diferentes comunidades autónomas” e coñecer así “cales son
as preocupacións da poboación en xeral”. “Un exemplo sería o caso de «sexo oral e cancro», podendo inferir a necesidade de mellorar a educación sexual”, conclúen.
O estudo está asinado por investigadores adscritos aos servizos de
Otorrinolaringoloxía-Cirurxía de Cabeza e Pescozo do Complexo
Hospitalario Universitario A Coruña (CHUAC), do Complexo Hospitalario
Universitario Santiago de Compostela (CHUS), do Hospital Universitario
Donostia (País Vasco) e do Hospital Foch en París, e do Departamento de
Pediatría do CHUAC e do Instituto de Ciencias e Tecnoloxía da Saúde da
Universidade de Mons (Bélxica).
Os resultados veñen de publicarse na revista científica European Archives of Oto-Rhino-Laryngology." (Galicia Confidencial, 07/12/20)