"Aburrido do fútbol, do baloncesto, do tenis? Xa falamos aquí de deportes hipsters como o frisbee ou kickball, pero agora que o rural está de moda, é mellor optar polo lanzamento de sacho ou o desprazamento de marcos, actividades que non teñen nada que envexar aos deportes “oficiais” posto que contan tamén coas súas propias Olimpíadas. E son mañá!
Hai tres anos naceu a Festa da sementeira do millo en Matamá (Vigo), organizada polo colectivo Malaherba, e xa desde aquela unha parte fundamental da programación son as Olimpíadas do Campo,
que inclúen probas como as devanditas desprazamento de marcos e
lanzamento de sacho, pero tamén lanzamento de boina, carreira de sacos
de millo con padiola, debullar o millo, tiro de corda ou cabaleiros das cuncas (que consiste en transportar unha cunca de viño dun lugar a outro, sentado a cabalo dun compañeiro).
As Olimpíadas do Campo 2014 terán lugar mañá, sábado 26, ás catro da tarde,
e unha hora antes comezará o recorrido do facho olímpico polas rúas de
Matamá, onde o relevo olímpico irá escoltado por chimpíns.
Podes atopar
máis información sobre as probas na súa páxina web, así como o email para inscribirse en calquera delas. Tendo en conta que cada ano son máis os que queren participar, eu que ti daríame présa." (disquecool, 25/04/2014)
No hay comentarios:
Publicar un comentario