"Un grupo de figuras intelectuais galegas veñen de rachar o silencio para lanzar un manifesto contra as restricións da pandemia e o "acoso" aos non vacinados. O colectivo, que se agrupa baixo o nome "Berro Seco", comprende entre as súas filas nomes da talla de Lidia Senra, eurodeputada de AGE e ex secretaria xeral do Sindicato Labrego galego; Miguel Anxo Abraira, Presidente da Rede para o Decrecemento; Xoán R. Doldán, Profesor titular de Economía Aplicada na USC e vicepresidente da Asociación Véspera de Nada, entre outros.
O colectivo vén de lanzar un manifesto no que explican a súa oposición ás "coaccións" para facer "obrigatoria" a vacinación --entre as que citan o pasaporte covid-- de acordo con múltiples documentos legais que recollen dereitos humanos. Neste aspecto, inciden que, partindo dunha sensibilidade de esquerda, observan "con fonda preocupación" a deriva autoritaria dos gobernos "da man dun conxunto cada vez maior de medidas e cambios lexislativos" que estarían a bater de fronte con esas cartas de dereitos fundamentais.
"Esta é a verdadeira razón que nos move; a defensa dos dereitos que se conseguiron co esforzo e o sacrificio de moita xente ao longo do tempo e que, froito desa loita, acabaron por ser recoñecidos na lexislación internacional e estatal", explican, antes de citar a consideración dos seres humanos como libres e iguais, o dereito á privacidade e a libre circulación e reunión, entre outros.
"Ademais, vulnéranse dereitos recollidos no Convenio de Oviedo como que toda intervencións sanitaria só poderá facerse co consentimento libre e informado da persoa afectada, podendo retirar esta libremente o consentimento", explican dende a asociación, que conta con diversos xuristas entre as súas filas. De aí que no manifesto publicado pidan, entre outros puntos, a fin "inmediata de calquera tipo de coacción e acoso coa finalidade de converter, na práctica, a vacinación nun acto obrigatorio".
A esta reclamación únese tamén a da "suspensión inmediata da recomendación da vacinación infantil e xuvenil en base ao principio de precaución, por non existir datos que avalen a inexistencia de efectos adversos a medio ou longo prazo", da banda tamén da retirada do pasaporte covid "para calquera uso", en tanto que, na práctica, obriga á xente a se vacinar para poder desfrutar de certos servizos.
O colectivo integrado por Senra fai tamén fincapé nun tratamento mediático máis equilibrado que non exclúa opinións alleas á verdade oficial. De aí que soliciten "a fin das campañas de acoso, fomento do medo xeneralizado á poboación e de criminalización das persoas que disenten sobre calquera das medidas políticas ou sanitarias instauradas" e que "nos medios de comunicación públicos se informe en base á investigación e ao debate científico, respectando todas as opinións e deixando de funcionar como transmisores do pensamento único".
Á parte Lidia Senra, Abraria e Roldán, o colectivo Berro Seco componse
dos seguintes integrantes: Cristina Blanco González, Fernando García,
Xosé Ramón Cendán Regueiro, Antonio Lores, Lola Grande, Elvira Grande,
Cristina Guerreiro Peralba ,Xabier Gómez Santiso, Manuel Rey, Iolanda
Teixeiro Rei, Elvira Trinidad Jove, María Belén Fervenza, Beatriz
Fervenza, Iago Lameiro Covelo, Jacobo Ojea Reyes, Mina Gómez Barreiro,
Miguel Anxo Méndez López, Begoña de Bernardo Miño, Carlos Alfredo
Villaverde Blanco, Conchi Castro Pedreira, José Luis Carreira Bruzos,
Manel Pardo e Pura Seoane Albela." (Galicia Confidencial, 20/01/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario