25/5/09

O humor que somos

"Todo pobo ten o propio sentido do humor, forxado polas circunstancias históricas. Os pobos dominantes tiran cara á comicidade ofensiva da mofa sarcástica, como por exemplo a guasa madrileña; nos pobos dominados dáse o humor defensivo e irónico. O humor caracteristicamente galego é a retranca, que naceu no oprimido pobo galego como unha arma defensiva contra as temíbeis autoridades, unha maneira de non dar respostas a preguntas perigosas. Agora que as autoridades son algo menos de temer, a retranca é unha fina e ás veces case imperceptíbel ironía empregada máis para o elegante pracer estético e intelectual con que enriquecer a conversa, e tamén como reafirmación a nivel persoal da identidade nacional galega", asegura o hispanista británico John Rutherfod. Sen embargo, o recén xubilado profesor do Queen's College da Universidade de Oxford sempre desmentiu a semellanza entre o humor prototípico, o inglés, e o galego. "Haina co doutros pobos historicamente dominados, como o irlandés e o xudeu", asegura.

Se o humor naceu como arma defensiva popular, mantense agora que xa non hai esa relacións de dominación e mesmo menos uso do idioma no que foi creado?. "Ese sentido do humor tíñao a xente de antes, agora vaise perdendo", lamentaba Torrente naquela entrevista do 92. "Aínda se mantén, pero máis ben na xente maior e nos campesiños, é unha especie ameazada de extinción", concorda hoxe Rutherford. "O humor está ligado ó idioma, ó clima, á paisaxe, e está morrendo porque todo iso cambiou", confirma Xaquín Marín. O máis pesimista é Antón Baamonde: "Pásalle igual que a outras moitas cousas, que se viu afectado pola sureñización de Galicia. Antes non ían galegos ós programas de corazón, e xa van. O sentido do humor dos rapaces é o da televisión, cada vez ten menos peso a familia. Un país que nos últimos 30 anos está acabando co seu patrimonio, co idioma e con case todo, por que ía conservar iso? Unha mágoa, porque como dicía Celestino de la Vega, 'a falta de senso do humor encheu os campos de concentración". (El País, ed. Galicia, Galicia, 22/05/2009, p. 8)

No hay comentarios: