7/4/08

¡Voy a mear!

“Houbo xente que foi quen de dicir, seguindo o modelo do escribinte Bartleby: "Prefiro non facelo". Un xenial Bartleby coruñés foi Benito Ferreiro. Este republicano vivira unha longa tempada agochado, de toupeira. Conseguiría refacer a súa vida, co apoio dunha consignataria, pois era un profesional navieiro moi respectado. Cando Valentín Paz-Andrade retornou da súa estadía nun organismo das Nacións Unidas, a FAO, un grupo de amigos e ex correlixionarios decidiron convocar unha homenaxe. As autoridades autorizárona, mais cunha condición. A de que fose presidida polo delegado provincial do ramo. Chegaron os discursos, máis ou menos crípticos. Aínda que a desculpa fose o futuro do peixe, loar a Valentín naquel intre era facer a loanza dun valent'uomo liberal. Mais puxo punto final a autoridade cun brinde bárbaro. Está escrito nalgures, mais cómpre recordalo. Dixo que fora moi interesante todo o falado da pesca, bla, bla, mais que chegara a hora do brinde. E o brinde que largou foi: "Por el primer pescador de España, ¡por el Caudillo!". E foi entón cando se ergueu da mesa Benito Ferreiro e botou a andar de costas á presidencia. A autoridade berrou: "¿Adónde vas, Ferreiro?". E Benito Ferreiro virou paseniño, ollouno en fite e dixo: "Vou mexar!". (MANUEL RIVAS: Historia dun virus no hospital Juan Canalejo. El País, ed. Galicia, Galicia, Luces, 04/04/2008, p. 11)


(Traductor gallego-español)

No hay comentarios: