"Un senador demócrata presentara unha demanda exixíndolle responsabilidades polas catástrofes que vive o planeta.
In God we trust, din os billetes estadounidenses, unha sentenza que adquire categoría de lema nacional. E tan intrínseco debe de ser este pensamento que o senador de Nebraska, Ernie Chambers, decidiu denunciar a Deus pola súa responsabilidade en catástrofes naturais como inundacións, tornados ou pola destrución da que é vítima o mundo. Malia que algúns o cualificaron de tolo e de buscar a fama, o senador pretendía denunciar a un xuíz que previamente prohibira o uso das palabras "violación" e "vítima" nun caso de agresión sexual. Coa súa acción quería demostrar que en Estados Unidos calquera pode demandar a quen lle pete.
Con todo, a denuncia foi admitida a trámite e agora vén de desestimarse. Deus gañou o xuízo porque, segundo a lei, para que este se celebrase o demandante tería que ter acceso ao demandado para comunicarlle os termos da súa acusación. O caso é que como o domicilio de Deus non aparece en ningún rexistro, non hai forma de que Chambers poida emprender accións legais contra el.
Pide unha orde de afastamento
O senador respondeu que Deus é "omnipresente", polo que debería poder ser demandado en calquera parte. Pide unha orde permanente de afastamento contra o Todopoderoso e non descarta que, dado o seu carácter omnisciente, poida presentar unha apelación. Ademais, asegura que en numerosas ocasións xa tentou poñerse en contacto con el, de momento sen resultados, e iso que empregou arduos esforzos na tarefa con frases como "sae de aí, sae de aí, onde queira que esteas".
Finalmente, Chambers critica o feito de que Deus nunca amosase compaixón ou remordemento polos citados crimes e lamenta que o xuíz do caso, Marlon A. Polk, non celebrase a vista para prohibir ao demandado continuar coas súas accións. Malia todo, o político de Nebraska conseguiu o seu obxectivo inicial: demostrar que nos EUA se lle dá curso a calquera denuncia." (Vieiros, 23/10/200)
No hay comentarios:
Publicar un comentario