19/1/24

Un traballador da Xunta sobre a limpeza de pellets: "A pantomima é tal que até nos mandaron limpar a praia fluvial do Lérez... Os primeiros días estivemos nunha praia en Moaña e a única instrución que nos daban era “que se vos vexa”. Non recollemos nada

 "Alfredo (nome ficticio), é un dos traballadores de Seaga (Servizo Agrario Galego), unha empresa da Xunta da Galiza que durante este días se encontra traballando na limpeza das praias de pellets de plástico. ‘Nós Diario’ entrevistou Alfredo para coñecer como está a operar o Goberno galego ante a crise dos pellets na costa galega.

 —Como se puxo en contacto con vostede a empresa para alimpeza dos pellets?
É unha empresa da Xunta [Seaga] que se dedica a traballos agrícolas. Puxéronse en contacto comigo para saber se estaba interesado en traballar con eles durante a campaña de recollida de pellets nas praias e foi entón cando comecei.

—Como está a ser o traballo nas praias?
O procedemento é o seguinte: recibimos información de Seaga cada mañá, eles dinnos a que praias ir e o que facer en cada unha delas. Unha vez nas praias a realidade é que é todo unha pantomima. Os primeiros días estivemos nunha praia en Moaña e a única instrución que nos daban era “que se vos vexa”. Non recollemos nada.

O que está claro é que desde a empresa non teñen claro nin como proceder aínda a día de hoxe. De feito, a pantomima é tal que unha vez mandáronnos limpar á praia fluvial do Lérez... Para que se vexa como está o tema. Estivemos noutras praias de diferentes municipios pero o problema principal é que desde a empresa non saben nin como facer para proceder coa limpeza: hai quen nos di que recollamos de un en un os pellets mentres que outros nos din que recollamos todos os plásticos que vexamos, non só pellets.

 —Comentaba que o que lle interesa á empresa e “que se vos vexa”, non si?
Si, sobre todo ao principio insistíasenos moito en que o importante era que a xente nos vise cos chalecos nas praias. Mesmo nos mandaban a praias de ría, onde hai moitos menos pellets... A coordinación é nula.

—Sobre as condicións en que están a traballar. A empresa proporciónalles material para limpar?
Un caldeiro. Iso é todo, nada máis porque estabamos recollendo de un en un. Agora que cambiou un pouco o sistema xa estamos levando algo máis de material.

—Como ve vostede a situación nas praias? Evoluciona favorabelmente?
Como estes días estivemos en praias de ría en que case non hai pellets non podo dicir con exactitude. Onde si que hai moitos pellets é nas praias de mar aberto e aí case non estivemos limpando nada polo que non podo dar unha resposta ao respecto. O problema principal é que como son tan pequenos, eu creo que vai haber pellets nas praias galegas durante anos."            (Iago Súarez, Nós, 19/01/24)

No hay comentarios: