“Unha amiga vaise en novembro a Nova York, apresentar o seu filme, convidada por unha universidade americana. Estou preocupadísimo: e se o que se espera acontece xustamente nese período e a colle aló?
Porque... alguén ia imaxinar, apenas un aniño antes, que a Unión Soviética, o estado máis monolítico do mundo, o máis controlado, segundo os expertos das tertulias, ía desaparcer?
A cousa agora está moito máis cantada. E se falla o Plan? Se os inversores fuxen cos cartos a Shangai, ao Brasil ou á India, poñamos por caso?
Era inevitábel. Ningún imperio durou para sempre, estaba visto que chegaríamos a asistir á decadencia e ao desmembramento dos EEUU, á desaparición do estado, á súa desintegración territorial e á implosión en cen territorios desarticulados. Por fin os navajos van conseguir o seu terruño. Xa os hispanos se esparexeán por varios novos estados, separados por orixes nacionais, ficando os anglófilos reducidos a un pequeno núcleo residual dado o escaso índice de natalidade por culpa dos costumes alimentares, iso si, un reducto independente tamén do resto, por respeito ás minorías.
¿Quen ia decir que Fidel Castro ía sobreviver ao imperio, véndose mesmo obrigado o goberno cubano, con Raúl á cabeza, a quebrar o bloqueo para enviar a Washington cereais, leite e galletas e socorrer un pouco aos danificados pola hecatombe de Wall Street?
Algunha responsabilidade terán neste entorto, digo eu, os políticos da extrema dereita que gobernaron América do Norte na última década. Non se intúe unha certa relación entre todo isto e o asesinato de Kennedy, por só falar de un caso?
Tanto tensaron a corda os brookers que agora imos asistir, outra volta, ao desagradábel espectáculo dos suicidios de executivos tirándose desde o alto do Empire State, coma na década dos trinta, durante a Grande Depresión.
Voulle recomendar á miña amiga que ande con ollo polas grandes avenidas, non por se lle cai un executivo encima, que non creo que se dea o caso, mais para non verse atrapada no meio aos tiroteos das mafias en competición pola venta do armamento nuclear e demais ferralla, fora de control, aos países do terceiro mundo. E por falar do asunto nuclear, dará tempo de traer de volta aos astronautas americanos en misión espacial? Terá que axudar Irán, mandando unha nave a resgatalos?
A forza de traballo desaparecerá cando os negros resolvan abandonar masivamente América para voltar a África. A industria ruirá, o comercio electrónico desaparecerá por falta de electricidade, conseguir 100 Watios será casi unha misión imposible até mesmo para Tom Cruise.
Fálase de que na última reunión de Henry Paulson, o Secretario do Tesouro, con Ben Bernanke, presidente da Reserva Federal, estaban a estudar a comenencia de adoptar o peso arxentino como moeda, pola quebra do valor do dólar que produciu Chaves ao comezar a cobrar o petróleo en euros.
En época de crise dinse moitas cousas raras, que se o 5% dos americanos non limparon nunca os dentes, que a persecución do sexo anal, incluso dentro do matrimonio, non podía traer nada bon, que Bush chegou a plantear o peche das escolas e universidades por ser o branco preferido dos asasinos en serie, pois non era cousa de prohibir as armas amparadas pola constitución, que se tal que sei eu, calquera sabe que hai de certo en todo iso.
Direille á miña amiga que leve sacos de patacas fritas para un mes, por se hai un crac na cadea alimentaria, e que meta na mala uns mapas, por se ten que fuxir por México ou Alaska ante a paralización da frota aérea, por falencia das compañías.
A desaparición dos Estados Unidos da América, estaba visto, era só unha cuestión de tempo.” (Blog de Xurxo Estévez, 09.10.2008 | 12:51)
No hay comentarios:
Publicar un comentario