"Hai agora un ano, o 13 de outubro de 2021, no seu discurso inicial no Parlamento no ata agora último debate de política xeral ou debate sobre o estado da autonomía, o daquela presidente Feijóo apelou a “manter vivo” o recordo do que o pobo galego fixo durante a pandemia da Covid-19 e anunciou a súa “intención de erixir un monumento de memoria” ao respecto.
Un ano despois o monumento aínda non existe, Feijóo xa non preside a Xunta e o Goberno galego que agora encabeza Alfonso Rueda asegura que a súa concreción demorouse precisamente pola aparición de novas vagas da Covid-19, malia que estas xa non impliquen ningún tipo de restrición máis alá da obriga de empregar máscara en recintos sanitarios ou no transporte público.
A Xunta xa organizara unha homenaxe ás vítimas o 13 de xuño de 2020, cun acto con invitados presenciais aos tres meses da chegada da pandemia a Galicia, cando as restricións eran máximas. Pero hai un ano, xusto 16 meses despois da homenaxe pública, Feijóo anunciou que tamén quería un monumento.
Segundo dixera Feijóo, como un dos grandes anuncios daquel discurso [aquí o texto íntegro] no Parlamento, a súa intención era “erixir un monumento de memoria que nos permita ter sempre presentes aos falecidos, sexa homenaxe a todos os que traballaron no control da pandemia, recoñeza o éxito do proceso de vacinación e o comportamento da nosa xente e que, en definitiva, sirva de recordo para as xeracións vindeiras do que ocorreu, e tamén de exemplo por como respondemos”.
Ao cumprirse un ano daquel anuncio este diario preguntou á Consellería de Sanidade en que fase se atopa o monumento e que previsións ten a Xunta para a súa inauguración. A resposta, que houbo que pedir en varias ocasións e pola que houbo que agardar máis dunha semana, foi a seguinte: “Tras valorar distintas alternativas, formatos e lugar, chegaron dúas vagas máis de Covid (decembro/xaneiro, e logo a de ómicron). Todo isto obrigou a ralentizar o proxecto, polo que o proxecto retomouse e esperamos dar conta do mesmo”.
A resposta
non detalla que alternativas, formatos e lugar se valoraron nin de que
xeito as novas vagas da Covid, xa sen efecto no funcionamento habitual
da administración, puideron afectar á promesa do Goberno galego.
Tampouco se indica cando foi retomado o proxecto nin que previsións de
prazos ten a Xunta para a súa presentación. E nas licitacións de contratos públicos da Xunta tampouco apareceu ningún neste tempo dirixido a erixir ningún monumento. " (David Reinero, Praza Pública, 23/10/22)
No hay comentarios:
Publicar un comentario